Teoría King Kong






A segunda obra que escollín para a miña lectura foi Teoría King Kong cuxa autora é a francesa Virgine Despentes; que ademais de escritora e novelista, tamén e directora de cine, pois dirixiu e guionizou xunto con Coralie Trinh Thi unha película baseada nunha das súas novelas. O libro que nos ocupa lugar, foi publicado por primeira vez no ano 2018 en lingua francesa.

Se por algo se caracteriza Teoría King Kong, é porque a autora emprega un discurso mordaz, sen tapuxos nin dramatismos e con matices punks. Cando comezas a primeira páxina, a linguaxe xa te engancha porque semella que deches con algo diferente:  “Escribo desde la fealdad, y para las feas, las viejas, las camioneras, las frígidas las mal folladas (…), todas las excluidas del mercado de la buena chica”.

Despentes ao longo dos capítulos do seu ensaio, comparte as súas reflexións e plantexamentos feministas de forma sinxela e clara, moi afastada deses discursos de corte intelectualistas que estamos acostumadas a ler no ámbito universitario. Ademais dos seus plantexamentos, a obra tamén conta con elementos autobiográficos da autora sobre os que reflexiona; narrando o que supuxo para ela sufrir e superar unha violación, así como o período durante o cal exerceu a prostitución.

No inicio da obra, fai fincapé, en todos aqueles aspectos que a sociedade considera negativos para as mulleres e nos afastan dos moldes desa suposta “feminidade”;  para posteriormente, reflexionar sobre os roles e o sistema capitalista dun xeito  moito mais extenso e crítico (co cal non podo estar mais dacordo), abordando temas que non son descoñecidos para ninguén: os roles que se nos esixen, a mitificación da maternidade… Se tivera que poñer algún pero aos primeiros capítulos da obra, sería o feito de sinalar ás veces en exceso ás propias mulleres como culpables, partícipes do sistema. Un exemplo disto reflíctese no seguinte parágrafo:

 “Ya sea mientras andamos por la ciudad o cuando vemos la MTV o un programa musical en la primera cadena (…) nos asalta la explosión del estilo super-puta, por otra parte muy favorecedor, que adoptan muchas chicas. Es una manera de disculparse, de tranquilizar a los hombres: <<mira qué buena estoy, a pesar de mi autonomía, de mi cultura de mi inteligencia, lo único que quiero es gustarte>> parecen gritar las niñas en tanga. Tengo la posibilidad de vivir de otro modo, pero he decidido vivir alineada a través de las estrategias de seducción más eficaces”

Tilda en certo modo, de alienadas ás mulleres que representan uns estereotipos nos medios de comunicación, pero mais adiante fala dos seus anos de prostituta como empoderantes, o cal é canto menos contraditorio. De todos os xeitos, nesta crítica ao sistema liberal por parte da autora, está moi acertada en enfatizar que a alianza entre machismo e capitalismo non só prexudica ás mulleres, senón tamén aos homes de clase obreira (aínda que non na mesma medida). Se a nos se nos esixen uns roles e uns deberes como manternos no ámbito doméstico e seguir tendo fill@s útiles para a burguesía e a perpetuación do sistema; eles tamén deben cumprir cas expectativas sociais de “home” (valentía, enteireza, virilidade, pouca sensibilidade, non expresar os sentimentos..). Reflexiona tamén sobre o positivo que sería que os homes se implicasen mais na crianza d@s fill@s, para educar e participar no proceso de deconstrucción patriarcal das vindeiras xeracións. Aboga por unha revolución de xéneros e en contra do sistema.

Adentrándonos nos aspectos autobiográficos, o que mais marca do libro é o referente á violación sufrida pola autora; non só polo feito de que conte que foi vítima dunha violación, senón por como narra a súa superación. Cando relata o suceso, faino de forma natural e sen dramatismos, do mesmo xeito que esa desdramatización lle serviu para poder avanzar e superalo. Despentes manifesta que aquilo que mais lle axudou foron aspectos tales como a lectura dunha obra cuxa autora tamén fora vítima, verbalizar o seu suceso, sentir que había mais mulleres que pasaran polo mesmo (aspecto moi invisibilizado)…. e que pese a todo, non había motivo para non avanzar. A autora comparte aquí como idea fundamental, que a sociedade culpa e dubida de primeiras, do relato dunha muller violada. Semella que se estamos vivas para contalo, é que entón había parte dese consentimento, pois a propia “dignidade de muller” faríanos pelexar ata a morte para evitalo. Por outro lado, no caso de saír vivas, tras un suceso tan monstruoso, deberíamos limitarnos a estar mortas en vida, para así poder demostrar a veracidade do noso relato e abandonar toda opción de reconstruírnos. Despents rompe con estes supostos. Si, sufriu unha violación e iso non lle impediu seguir coa súa vida, por moito que aquilo lle afectase. Quédome cunha das súas frases que é un bo exemplo disto: “hice autostop, fui violada y volví a hacer autostop”.

Nos puntos que mais discordo coa autora, é respecto á súa postura sobre a prostitución e a pornografía. A autora conta que exerceu a prostitución de forma libre, contactando ela mesma cos clientes. Defende que non existe diferencia entre o traballo asalariado e a prostitución, chegando a afirmar que esta incomoda á burguesía, pois ameaza con romper o matrimonio, así como a ética e a moral tradicionais. A dicir verdade, considero que os intereses da burguesía non residen na ética nin na moral; se a prostitución afectara os seus verdadeiros intereses xa estaría erradicada, é mais, as cuantiosas cifras económicas que move a prostitución non indican que sexa algo que incomode ás clases altas, basicamente porque os homes burgueses, tamén consumen prostitución. É certo que debemos escoitar ás prostitutas, pero a todas. Semella que as que teñen voz sempre son, en liñas xerais, brancas e occidentais, as cales non estiveron subordinadas a ningún tipo de xerarquía (ou na rúa) e que o describen como algo empoderante, mais as cifras están aí. Dicir que as violacións non existe (pese aos datos que coñecemos) porque a min nunca me violaron é o mesmo absurdo; falar desde a propia experiencia non sempre é representativo de todo un colectivo. Incomódame tamén o lavado de imaxe dos seus clientes, descritos como homes fráxiles, débiles, con problemas e que só buscaban alguén que os escoitara (coma se non existise a psicoloxía para este tipo de problemáticas). Outro dos argumentos que emprega a autora, é que a prostitución é unha analoxía do matrimonio heterosexual tradiconal, pero coa diferencia, que na prostitución a muller beneficiase económicamente do seu propio estigma e mantén a súa independencia. Baixo a súas premisas e usando asúa mesma lóxica, esquece que cos seus mesmos argumentos pódese defender que esas mulleres casadas ás que tanto xuzga, tamén contraeron libremente o matrimonio. Nunca defenderei o feito de xuzgar ás prostitutas (se non ao sistema que se beneficia disto), nin de falar por elas e moito menos de tratalas con condescendencia ou paternalismo. Creo que é mais ben unha cuestión de analizar onde reside a demanda disto e quen é o perfil que maioritariamente a exerce, para entender se realmente todo o que se nos vende como liberdade neste sistema capitalista o é.

Respecto á pornografía, a autora reitera que incomoda ás grandes elites e á burguesía, retomando de novo o referente á moral e a ética tradicional burguesa. Semella que a autora, baixo os seus postulados anticapitalistas (que comparto), tenta lexitimar as súas posturas, pero aquí son certamente incompatibles. A industria pornográfica factura 60.000 millóns de dólares ao ano; de que xeito pode incomodar isto ao sistema? Rexeita a idea de que o porno fomente a cultura da violación, alegando que as violacións son anteriores á industria pornográfica. É certo, ninguén o dubida; sabemos que con erradicar ou censurar a pronografía, non imos vencer ao patriarcadonin rematar ca cultura da violación. A sociedade é machista e a rede en ocasións, non é mais que un reflexo desa sociedade. O problema tampouco reside en que as xeracións (cada vez mais novas) falen de sexo, pero non está de mais recordar, que moitas das películas colgadas nestas webs pornográficas son unha potente ferramenta que representa e reproduce violacións, constituíndo, en moitos casos, o primeiro contacto de moit@s nen@s co concepto de relacións sexuais, pudendo ser visto como un modelo/ideal por el@s. Considero que é aquí onde radica a necesidade e importancia dunha educación sexual transversal, dende idades temperás. Defendo firmemente a necesidade de comezar a ver o sexo como algo natural e que deixe de ser un tabú social pero non considero que a pornografía contribúa a tal fin.

Nos últimos capítulos, aborda aspectos como o famoso mansplaining e os sesgos discriminatorios en base ao xénero, que empregaron con ela profesionais da saúde mental. É difícil de crer pero aínda mais certo, que a día de hoxe dende o campo “dos saberes superiores” das ciencias puras coma a medicina, existan profesionais que guiad@s polos estereotipos de xénero lle resten importancia ás sintomatoloxías que pode manifestar unha muller, sobre todo no referente á saúde mental.

En definitiva, pese a haber puntos nos que non coincido coa autora, nunca está de mais escoitar voces contrarias ás dunha mesma, para poder canto menos reflexionar e ter a posibilidade de coñecer as argumentacións que poden levar a esas posturas. Recomendaría o libro, en gran parte porque é unha lectura fresca e lixeira, non se fai densa en ningún momento onde a autora afonda en aspectos moi interesantes e controvertidos, sen ningunha delicadeza nin eufemismos innecesarios; o cal se agradece.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Reseña: Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións.

Que andas a facer?