Reseña: Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións.




QUEER-EMOS UN MUNDO NOVO EBOOK | TERESA MOURE PEREIRO | Descargar ...


O libro do que se vai facer o seguinte comentario leva por título “Queer-emos un mundo novo”. Esta obra foi publicada na súa primeira edición no ano 2012 en lingua galega. A autora da mencionada obra é Teresa Moure: escritora, docente na Universidade de Santiago de Compostela e doutorada en Lingüística.

“Queer-emos un mundo novo”, a través das súas páxinas preséntase como unha obra abandeirada da teoría Queer, levándonos ao campo da lingüística para poder rachar co binarismo heteropatriarcal presente na sociedade, a través da modificación da nosa linguaxe como ferramenta indispensable.

Para contextualizar brevemente en que marco se move a presente obra, cómpre ter en conta de que estamos a falar cando nos referimos á teoría queer. A teoría queer susténtase no rexeitamento da clasificación dos suxeitos en categorías ríxidas e inamovibles, tales como: “home”, “muller” ,“heterosexual”… Sobre todo, tenta rematar co binarismo presente na nosa sociedade e ca famosa dicotomía de: “se non é boi é vaca”; defendendo a idea de que o xénero é una mera construción social; un aspecto performativo que nunca poderá estar determinado pola bioloxía. Como consecuencia, haberá tantos xéneros válidos como persoas os manifesten. A través dos 5 capítulos desta obra, a autora manifesta que unha sociedade poderá cambiar e estar mais cerca dos supostos queer, cando realicemos un cambio na lingua.

En relación á linguaxe, sempre asalta a mesma dúbida. É dicir; ten que cambiar a lingua para así cambiar o mundo, ou pola contra, a linguaxe cambiará cando a sociedade cambie? Persoalmente, sempre daba por válida a última das cuestións. A linguaxe ten importancia , en tanto que, as mulleres sempre temos que faceres o famoso esforzo, en sabérenos incluídas ou non, cando se emprega o masculino xenérico. Sempre considerei que empregando formas duplas, rematábase o problema. Tras a presente lectura, é preciso tomar conciencia de que o emprego de formas duplas non é mais que unha reprodución que perpetúa o sistema binario;  quizais eu xa me dou por incluída, pero non o fará toda a humanidade. Volvendo ao tema da linguaxe como elemento transformador, na miña premisa inicial, (onde primeiro debería de cambiar a sociedade e despois a lingua) ignóranse  aspectos fundamentais tales como que aprendemos a través da lingua, pensamos a través da lingua e adquirimos significados simbólicos a través da lingua. A lingua non é algo neutro. Todo isto, queda exemplificado no libro: cando falamos dos romanos, os gregos ou os exipcios, na nosa mente aparecen figuras masculinas. Do mesmo xeito, acontecía cun acertixo que se fixo viral hai uns anos,  que consistía en adiviñar a identidade dunha eminencia médica e tod@s dabamos por sentado que debería ser un home. A través da lingua e dos seus significados, conformamos as nosas imaxes mentais e a concepción do mundo. Polo tanto, para mudar a sociedade debemos mudar as mentes. Para mudar mentes debemos mudar a linguaxe. Creo que esta que é unha das ideas esenciais que extraio da obra. Pese a todo o mencionado, non quere dicir que sexa falsa a idea de que a sociedade debe cambiar, para que cambie tamén a lingua. Volverei sobre isto mais tarde.

Centrándonos mais na cuestión de rachar co binarismo, a autora exemplifícao dun xeito moi acertado a través da categorización de animais. Centra a súa crítica en como a sociedade atopa mais sinxelo meter a todo o que sae do molde nun caixón de xastre, que replantexarnos as categorías preestablecidas (unha mostra mais do presente que está a teoría queer na súa obra).  Concordo coa autora en que debemos rachar cos moldes existentes que ditan a que categoría debemos pertencer ou non, atendendo a determinadas características. Semella que se non estás nun lado ou no outro, es un produto defectuoso.  Pero sen embargo, discrepo en que debamos eliminar todas as categorías ou etiquetas existentes, como pode ser “muller”. Dende logo, que o feito de ser muller non vén determinado pola bioloxía, nin polos estereotipos culturais presentes; pero se negamos a existencia de mulleres, negamos a violencia e a opresión que se exerce sobre as mesmas. Non todo é muller ou home, non tod@s somos 100% o que se considera como home, nin 100% o que debe ser muller; mais negando a existencia das mesmas, estamos a silenciar o problema. As mulleres non podemos ser invisibilazadas de novo.

Outra das ideas, moi interesante ao meu xuízo, que presenta Teresa Moure é porqué non somos capaces de feminizar o discurso, en prol dunha linguaxe non machista nin opresora. Está claro, que cando se manifestan tantas resistencias na modificación da linguaxe,  por parte de organismos como a RAE, o problema non reside na modificación en si mesma. A RAE non amosa problemática en incluír “cocreta”, pero si en poñer o feminino primeiro ou quitar certas acepcións. Quizais porque as croquetas non van mudar independentemente de como se escriban, pero o resto de cambios teñen unha significación mais alá da súa pronunciación; implican unha perda de privilexios. Ben é certo, que a escritora fai tamén autocrítica manifestando que mentres noutros campos científicos se valoran os cambios, na lingüística existe un certo estancamento. Porén, eu penso que non é comparable. O descubrimento dunha nova teoría no campo da física ou da química, non ten porqué conlevar necesariamente unha carga ideolóxica, non así sucede coa feminización da linguaxe. Como ben se sinala nun capítulo do libro, haberá mulleres que cando accedan a unha cantidade considerable de público e teñan que feminizar o discurso, vanse sentir xulgadas e iso pode desalentalas. De tódolos xeitos, é preciso convencer da necesidade dos cambios.

Polo tanto, tras remataren a lectura, concordo en que debemos cambiar a linguaxe para cambiar o mundo, pero a linguaxe tamén cambia cando muda a sociedade e penso que a autora deixa, en parte, a un lado este aspecto. Se o termo “maricón”, ou “mariconada” está cada vez peor visto como uso pexorativo, é porque se reflicte un certo cambio na sociedade dos últimos anos e menos xente considera que pode ser ofensivo ser homosexual (aínda que quede moito por percorrer, evidentemente). Se o colectivo se puido apropiar do termo “maricón” e deslexitimar o seu poder ofensivo é porque houbo un proceso e detrás . Se as mulleres nos apropiamos dos termos “zorra” e “puta” é porque cada vez importa menos cuestione a nosa liberdade sexual. Se nos anos 70, no propio escrito da lei educativa, se referían aos nenos con necesidades educativas especiais como “subnormais” e hoxe é inconcibible, é porque houbo un proceso de sensibilización detrás. Todo isto é a consecuencia de cambios sociais, que permitiron que o que antes era ofensivo, agora teña menos poder para ferir ou fose mudado. A linguaxe non é só ferramenta transformadora, senón reflexo da sociedade que temos. Con isto, non quero dicir que os cambios sexan xa satisfactorios e suficientes, nada mais lonxe da realidade. Pero o certo é que mentres non nos desfagamos das estruturas existentes de poder, que perpetúan un sistema capitalista e opresor, non haberá cambios reais. A lingua é importante, e que tod@s nos vexamos incluídos nela tamén, pero de nada serve sentirnos incluíd@s se imos seguir a reproducir estruturas opresoras do propio sistema. Quizais é o aspecto que mais botei en falta no libro . De todos os xeitos, agradécese unha lectura de temática lingüista, posto que nunca tiven formación sobre isto dende unha perspectiva de xénero.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Teoría King Kong

Que andas a facer?